330 asistentes de todo o mundo reunidos no QCrpyt, o congreso de referencia en criptografía cuántica

Vigo TecnolóxicoActualidade330 asistentes de todo o mundo reunidos no QCrpyt, o congreso de referencia en criptografía cuántica
Asistentes a QCrypt

Imaxe: asistentes á primeira xornada da QCrypt 2024 (Duvi)

330 asistentes de todo o mundo reunidos no QCrpyt, o congreso de referencia en criptografía cuántica

O evento estase a celebrar en Vigo ata este venres

A décimo cuarta edición de QCrypt, 14th International Conference on Quantum Cryptography, principal cumio mundial de criptografía cuántica, xa está en marcha. A elite mundial da investigación e a experimentación neste eido participa desde onte en Vigo neste evento, que se está a celebrar por ver primeira en España coa organización a cargo da Universidade de Vigo e o CESGA, o Centro de Supercomputación de Galicia. A primeira hora deste luns 330 persoas investigadoras, un 90% de fóra de España, déronse cita no edificio Afundación na procura da confidencialidade absoluta na transmisión de datos a través de Internet.

Abriron a conferencia o reitor, Marcos Reigosa Roger, e os docentes Marcos Curty Alonso, catedrático da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e director do Vigo Quantum Communication Center, e Davide Rusca en representación do comité organizador.

 

Investigación de excelencia no Campus Vigo Tecnolóxico

Os responsables do encontro destacaron o gran esforzo que se está a facer en Galicia, e en particular en Vigo, a través do Quantum Communication Center, adscrito a atlanTTic, para investigar en tecnoloxías cuánticas de comunicación. Sirvan como mostra os 15 traballos de investigación realizados no último ano e que serán presentados estes días.

O colofón á primeira xornada do QCrypt, tras unha decena de charlas sobre os últimos avances en sistemas de distribución cuántica de claves, foi o relatorio do profesor Hoi-Kwong Lo, da Universidade de Toronto (Canadá), quen conta con distincións como a medalla aos seus logros en fotónica aplicada en 2022 ou o Premio de electrónica cuántica da IEEE Photonics Society.

 

Charla aberta na segunda de cinco xornadas

A segunda xornada deste martes inclúe unha charla divulgativa aberta ao público xeral a cargo de Antonio Acín, especialista en información cuántica no Instituto de Ciencias Fotónicas, ICFO, co título Quantum computers and cryptography: what happens when bits become quantum? (Computadores e criptografía cuánticos: que acontece cando os bits se volven cuánticos?), pensada para público non experto. Será ás 19 h no Teatro García Barbón.

Acín foi merecedor o pasado mes de xuño do Premio Jaume I de Investigación Básica pola súa contribución á investigación da información cuántica en España.

Serán cinco xornadas (ata o venres 6) de gran actividade, na que tamén hai programadas unha visita ás instalación do Vigo Quantum Communication Center ou unha sesión “industrial” (o xoves, día 5) liderada por un representante de Telefónica, na que participarán representantes das principais empresas internacionais do sector.

 

Máis información

Duvi 

Nova relacionada

QCrypt 2024

Vigo Quantum Communication Center

CESGA

 

 

 

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.