Imaxe: grupo de alumnas participantes na edición pasada (Duvi)
Aberta a inscrición para as III Olimpíadas de Teleco
O prazo remata o 6 de decembro
A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación vén de abrir o prazo de inscrición para as III Olimpíadas de Teleco, evento que o pasado ano achegou a este centro do Campus Vigo Tecnolóxico 300 estudantes de ensino medio de toda Galicia para teren nesta cita un contacto de primeira man cos eidos da telecomunicación, a cultura científica, a investigación tecnolóxica e a innovación.
Trátase dunha iniciativa impulsada por 20 escolas de Enxeñaría de Telecomunicación de toda España e do Colegio Oficial de Ingenieros Técnicos de Telecomunicación (COITT) que busca promocionar estes estudos entre a mocidade preuniversitaria amosándolle como as telecomunicacións están presentes no día a día das persoas e como poden axudar a mellorar a súa calidade de vida. Cada ano a competición artéllase ao redor dun dos obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS). Para esta vindeira edición seleccionouse o ODS 7: enerxía alcanzable e non contaminante. Por tanto, as persoas participantes deberán propor proxectos que reflictan como estas tecnoloxías poden contribuír a garantir o acceso a unha enerxía accesible, segura, sostible e moderna.
A competición organízase en torno a equipos de ata seis persoas de alumnado de Ensino Secundario Obrigatorio, Formación Profesional e Bacharelato. Empregando placas programables compatibles co contorno de desenvolvemento de Arduino, deberán integrar as telecomunicacións nas súas propostas de xeito que quede patente como o seu uso axuda á consecución dese ODS7.
Sabemos que tienes una agenda apretada😝, por eso te recordamos que el plazo de inscripción en las #3TelecoGames… ¡acaba el 6 de diciembre!
Presenta tus propuestas para lograr una energía asequible y no contaminante utilizando las #telecomunicaciones▶️https://t.co/jExjrRlgy0 pic.twitter.com/4vOYYTAipk
— TelecoGames (@TelecoGames) October 23, 2024
Finais galega e nacional
No mes de abril a final a nivel galego celebrarase na propia Escola de Enxeñaría de Telecomunicación do Campus Vigo Tecnolóxico. Os equipos exporán e defenderán os seus proxectos ante un xurado composto por persoal docente e investigador do ámbito da enxeñaría de telecomunicación e por representantes das empresas patrocinadoras.
Os mellores proxectos levarán premios en metálico grazas ás entidades patrocinadoras Indra, BorgWarner e Televés, ás que este ano se suma tamén a Cátedra Oesía, o que permitirá ampliar os galardóns da fase local de 3.900 a 5.200 €.
Esta inclusión fai posible o desdobre nesta fase local dos premios correspondentes á categoría de ESO por equipos. En concreto, haberá 1º, 2º e 3º premios para os equipos de 1º e 2º da ESO e outro tanto para os equipos de 3º e 4º da ESO. En cada categoría (1º e 2º ESO, 3º e 4º ESO, Bacharelato por equipos e FP por equipos) haberá un 1º premio de 400 euros ao centro educativo e 400 euros ao equipo; un 2º premio de 300 euros ao equipo, e un 3º premio de 200 euros tamén ao equipo.
Vencer na final galega dá dereito, ademais, a participar na final estatal, que se celebrará no mes de maio.
Os centros de ensino poden inscribirse ata o 6 de decembro, e poden propor a máis dun equipo cada un deles. Todos os que se inscriban recibirán un kit de placas programables compatibles co IDE de Arduino cun valor estimado en torno aos 75 €. E terán tamén a posibilidade de participar na xornada de inauguración das olimpíadas, prevista para o vindeiro de 17 de xaneiro, e coñecer máis de preto a escola, clasificada entre as 300 mellores do mundo segundo o ranking de Shanghai.
Máis información