A Escola de Enxeñería Industrial do Campus Vigo Tecnolóxico celebra o X Aniversario da súa competición de robots co lanzamento dunha nova edición, a oitava. O interese pola tecnoloxía e a robótica fixo posible que, o que comezou sendo no ano 2014 unha ‘aventura’, sexa hoxe unha competición de referencia en Galicia.
Ao igual que nas anteriores edicións, os equipos que o desexen poderán contar cun kit mBot 2 subvencionado pola organización do concurso en máis dun 50% do seu valor de mercado, que despois poderán utilizar para levar a cabo outras actividades no centro. Preséntase ao alumnado participante como unha competición na que poderán aplicar os coñecementos adquiridos en materias STEAM e amosar as súas habilidades no ámbito da robótica a través de divertidas probas na que terán que superar uns retos, pero, sobre todo, perderlle o medo aos desafíos que a tecnoloxía nos depara e deparará no futuro.
As competicións serán o 25 de abril de 2025, dentro das categorías Be Robot (para estudantes de ESO e Bacharelato) e Demo Robot (para estudantes de FP e universidade) na sede campus da EEI.