Jordi Borràs, da UPC, premio atlanTTic á mellor tese

Vigo TecnolóxicoActualidadeJordi Borràs, da UPC, premio atlanTTic á mellor tese
Martín Llamas, o galardoado, Manuel Reigosa, Belén Rubio e Luis M. Álvarez Sabucedo na entrega do II Premio atlanTTic

Imaxe: Martín Llamas, o galardoado, Manuel Reigosa, Belén Rubio e Luis M. Álvarez Sabucedo na entrega do II Premio atlanTTic á mellor tese (Duvi)

Jordi Borràs, da UPC, premio atlanTTic á mellor tese

É a segunda ocasión en que se entrega este galardón, e xa está aberta a convocatoria da terceira edición

Jordi Borràs Pino, investigador da Universitat Politècnica de Catalunya, vén de ser distinguido co Premio atlanTTic á mellor tese de doutoramento no ámbito das tecnoloxías de comunicación. Este galardón é convocado polo Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación do Campus Vigo Tecnolóxico, atlanTTic, en colaboración coa sección española do IEEE (Institute of Electrical and Electronics Engineers). Nesta segunda edición volve recoñecer o traballo de investigación máis destacado neste ámbito nas universidades españolas, durante o ano 2023. A tese premiada trata un dos temas centrais nas comunicacións sen fíos: a mitigación de interferencias sen coñecemento previo da rede nin coordinación entre transmisores e receptores.

O acto de entrega do galardón celebrouse este luns na sala Manolo Ramos do edificio Ernestina Otero. Contou coa participación do reitor da UVigo, Manuel Reigosa Roger; a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio Armesto; o director de atlanTTic, Martín Llamas Nistal, e o subdirector do centro, Luis M. Álvarez Sabucedo. Todos eles concordaron no mérito e a calidade científica do seu traballo.

A consolidación dunha traxectoria

O título da tese de Borràs é Opportunistic communications in large uncoordinated networks, e propón un esquema innovador de transmisión para sistemas mono e multi antena que permite reducir ou mesmo evitar interferencias nas comunicacións sen fíos.

O premiado, actualmente parte do equipo de atlanTTic, sinalou que o galardón supón un recoñecemento ao seu duro traballo durante o doutoramento; tamén a todas as persoas que foron partícipes del directa ou indirectamente, ademais dunha motivación para continuar a traballar.

Un dos aspectos máis destacados da tese gañadora é a súa potencial aplicación práctica na coexistencia de tecnoloxías de comunicación heteroxéneas, como as redes móbiles 4G e 5G, ou transmisións con e sen restricións de latencia

Jordi Borràs obtivo o Grao en Ciencias e Tecnoloxías de  Telecomunicación (2016), o Máster en Enxeñaría de Telecomunicación (especialidade en Comunicacións Sen Fíos, 2018) e o Doutoramento en Teoría da Sinal e Comunicacións (Sobresaliente Cum Laude, 2023), todos pola Universitat Politècnica de Catalunya (UPC), onde xa destacara como investigador no grupo SPCOM.

Desde maio de 2023 é investigador posdoutoral en atlanTTic, colaborando co grupo de Procesado da Sinal en Comunicacións (GPSC). Neste grupo participou en proxectos sobre comunicacións full-duplex, o novo paradigma ISAC (Integrated Sensing and Communications) e vulnerabilidades en aprendizaxe federado. Este mesmo mes rematará a súa etapa en Galicia e incorporarase como profesor axudante doutor á Universitat Politècnica de Catalunya.

Terceira edición

atlanTTic non só celebrou o acto de entrega da segunda edición do premio, senón que xa publicou as bases da terceira.

Poderán concorrer as persoas que posúan un título de doutoramento, de calquera nacionalidade, que defendesen a súa tese no eido das tecnoloxías de telecomunicación (comunicacións, servizos dixitais e/ou ciberseguridade) en calquera universidade española, que defendesen a súa tese durante o ano 2024 coa máxima cualificación (excelente cum laude) e publicasen dous artigos JCR Q1/Q2 ou dispoñan dunha patente en explotación por un resultado da investigación realizada no contexto da tese. A contía individual máxima do premio será de 2500€.

O detalle das bases da convocatoria está dispoñible nesta ligazón e o prazo de candidaturas permanecerá aberto ata o 16 de setembro de 2025.

Máis información

Duvi

atlanTTic

Terceira edición

 

 

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.