O Foro Tecnolóxico de Emprego prepara a súa XXV edición

Vigo TecnolóxicoActualidadeO Foro Tecnolóxico de Emprego prepara a súa XXV edición
Organizadores do XXV Foro Tecnolóxico de Emprego

Imaxe: José Luis Rodríguez Rodríguez, coordinador de Organización; Iago Vázquez Quiroga, coordinador xeral e Belén Parente Artime, coordinadora de Comunicacións (Duvi)

O Foro Tecnolóxico de Emprego prepara a súa XXV edición

17 estudantes das escolas de enxeñaría do Campus Vigo Tecnolóxico están a fronte da organización

O Foro Tecnolóxico de emprego é, desde hai anos, unha cita imprescindible para o alumnado de enxeñarías de Vigo. Nacida hai case 25 anos, é unha iniciativa feita por e para estudantes das tres escolas de enxeñaría do Campus Vigo Tecnolóxico. Desde a organización, adiantan que a próxima edición, a dese vixésimo quinto aniversario, será moi especial.

As datas están xa fixadas: a feira estenderase do 11 ao 12 de marzo de 2025, e agárdase que sexa unha das máis  numerosas ata a data en canto a empresas asistentes. Polo momento, o pasado mes a organización rexistrou un récord de inscricións. O alumnado que acuda poderá entregar os seus currículos ás compañías, coñecer de primeira man as demandas e tendencias do mercado laboral e asistir a relatorios, mesas redondas e obradoiros.

Traballo en equipo ben coordinado

Nesta edición 17 mozos e mozas están a cargo da organización do evento. Tres estudan na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, tres na EE Industrial e once na EE de Telecomunicación. Á fronte do grupo está Iago Vázquez Quiroga, alumno do Máster de Enxeñaría Industrial, e xunto a el conforman o equipo directivo José Luis Rodríguez Rodríguez, estudante de  4° curso de Enxeñaría de Telecomunicación, como coordinador de Organización, e Belén Parente Artime, alumna do Máster de Enxeñaría de Minas, coordinadora de Comunicacións.

Iago Vázquez foi coordinador de patrocinios na edición precedente, que contou co apoio do Campus Vigo Tecnolóxico, e colaborador en edicións anteriores. Agora, na súa primeira ocasión como coordinador xeral, coida que a clave para que cada nova edición supere á anterior é un gran traballo en equipo sumado a unha gran coordinación. Entre todas as edicións pasadas, en torno a 250 mozas e mozos participaron na organización desta feira, que non faltou á cita nin en 2020, cando se celebrou de xeito virtual en medio do estalido da pandemia da COVID-19.


Conexión directa entre empresas e estudantes
O obxectivo do Foro Tecnolóxico de Emprego é facilitar unha conexión directa entre empresas e estudantes, permitindo a captación de talento para prácticas, traballos fin de grao e de mestrado e oportunidades laborais. Durante as dúas xornadas do evento as e os asistentes poderán achegarse aos postos das empresas, nos que se recollen currículos e se pon a semente para futuras oportunidades laborais. O programa inclúe tamén obradoiros que permiten o desenvolvemento de habilidades e conferencias técnicas nas que se presentarán temas seleccionados por estudantes a través de enquisas previas.

Iago Vázquez considera que é unha boa oportunidade incluso para o alumnado de primeiro curso de grao, para coñecer mellor as oportunidades nas empresas e tamén para ter o hábito de tratar con persoas de recursos humanos.

Con tres meses por diante para acabar de darlle forma á edición do 25 aniversario, dende a organización adiantan que este ano será “moi especial, temos preparadas moitas novidades para o evento”, sen querer dar máis detalles.

Máis información

Duvi

Foro Tecnolóxico de Emprego

 

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.