Imaxe: Organizadores e entidades colaboradoras na sede da Zona Franca. En primeira fila, de dereita a esquerda, Nacho Armesto, Abel Caballero, Mónica Valderrama e David Regades. (Duvi)
O último en tecnoloxías de automatización industrial, nas JAI’2025
As xornadas porán de manifesto o potencial transformador do sector
As JAI, Jornadas sobre Tecnologías y Soluciones para la Automatización Industrial, celebran do 10 ao 14 de febreiro a súa décima edición. O programa será o máis extenso da súa historia, con máis de 40 horas de relatorios a cargo de 70 expertos e expertas.
No día de onte, esta edición foi presentada no Consorcio da Zona Franca de Vigo, nun acto no que participaron Mónica Valderrama, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais; David Regades, delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca da Vigo; Abel Caballero, alcalde de Vigo, e Nacho Armesto, profesor do Departamento de Enxeñaría de Sistemas e Automática e organizador das xornadas.
Implicación das institucións
A vicerreitora Mónica Valderrama agradeceu a implicación de Concello e Zona Franca, e sobre todo o enorme esforzo de Armesto para organizar este evento, cunha gran capacidade para implicar a persoas e empresas. Destacou tamén a importancia deste tipo de simposios para facer chegar á sociedade o que se fai na academia. Tamén para destacar o papel da Universidade de Vigo e captar futuro alumnado.
O delegado do Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, destacou a importancia das xornadas, o apoio do Consorcio á UVigo, con “proxectos tan ambiciosos como a fábrica de semicondutores fotónicos” ou o potencial innovador da robótica. Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, felicitou tamén a Armesto polos 20 anos e 10 edicións das JAI, destacou a gran magnitude do evento e subliñou a importancia da cooperación entre universidade, administracións públicas e iniciativa privada.
A edición máis completa ata a data
O profesor Armesto foi o encargado de presentar o programa, que contará con 70 relatores e relatoras e 40 horas de conferencias e mesas redondas. Non faltará a tradicional Showroom Industria 4.0, no que empresas punteiras do sector presentarán os últimos avances: serán 40 expositores, repartidos en dúas metades entre o luns e o martes e o mércores e o xoves.
A organización agarda contar con preto de 2000 asistentes, co que esta JAI será máis multitudinaria. De todas formas, o prazo de inscrición está aberto e será posible rexistrarse ata a véspera do inicio do evento. A eles e elas sumaranse as persoas visitantes, sen necesidade de inscrición. Ademais de estudantes e profesorado universitario, agárdanse visitas de centros de Formación Profesional.
Nacho Armesto enumerou algúns dos temas que se tratarán nas xornadas, como xemelgos dixitais, visión artificial con deep learning, mantemento preventivo e preditivo, dixitalización de procesos, intelixencia en robótica, ciberseguridade industrial ou automatización biónica, entre moitas outras.
En canto ás empresas, estarán presentes, entre outras, Kuka, CTAG, Infranor, Innomoitcs, IFM, Rittal, Siemens, Robotnik, Red Eléctrica, Beckhoff, Festo, Hisparob, Finsa, Harting, Inprotech, Bosch Rexroth, Omron, Russula, Stellantis, ou KPMG.
Haberá varias mesas redondas; a primeira o martes á tarde, sobre robótica, automatización e intelixencia artificial e as claves do futuro 5.0; a segunda, o mércores, sobre ciberseguridade industrial; e o xoves no mesmo horario, sobre investigación en robótica, na que se darán cita catro catedráticos e investigadores procedentes de universidades nacionais e internacionais. Entre os convidados máis relevantes, Armesto destacou a apertura a cargo de Eva Maneiro, alta directiva de Russula, ou o peche a cargo do catedrático e investigador Oussama Khatib, da Stanford University. Pasarán tamén polas JAI o catedrático Bruno Siciliano, da Università degli Studi di Napoli Federico II, centrado ultimamente en robótica biomédica, ou o doutor Diego González Rivas, cirurxián en varios centros internacionais.
O acto de apertura contará coa presenza de tres robots de Unitree: Go2, Go2w e o bípedo G1. A eles sumaranse Vision 60 de Ghost Robotics e os Rs e WallE que adoitan estar presentes nas JAI, así como bastantes robots móbiles industriais. A cita poderá seguirse de forma presencial e tamén en directo a través da canle 1 de UVigoTV.
Máis información