“The Mind Guardian”, aplicación contra a deterioración cognitiva, premiada polos seus beneficios sociais

Vigo TecnolóxicoActualidade“The Mind Guardian”, aplicación contra a deterioración cognitiva, premiada polos seus beneficios sociais
The Mind Guardian

“The Mind Guardian”, aplicación contra a deterioración cognitiva, premiada polos seus beneficios sociais

A aplicación de atlanTTic e Samsung será distinguida na XXIX Noite Galega das Telecomunicacións

The Mind Guardian, aplicación desenvolvida por persoal investigador de atlanTTic en colaboración con Samsung España, recibirá o Premio Amtega ao mellor proxecto TIC con beneficios sociais. Este galardón é outorgado polo Colexio Oficial e Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (Coetg-Aetg), e recoñece os beneficios desta aplicación para maiores de 55 anos.

The Mind Guardian presenta unha proba de autoavaliación de memoria para o cribado a grande escala de signos de deterioración cognitiva. Entre os seus beneficios están a mellora da calidade de vida e unha redución dos efectos das demencias de ata un 40%. O xurado do premio salientou que a súa interface sinxela e os seus resultados demostraron un alto grao de precisión no 97% dos casos, e tamén o impacto positivo que isto ten en moitas zonas de Galicia onde hai gran cantidade de poboación avellentada e dispersa.

A distinción forma parte dos Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2025 e entregarase o 26 de xuño no Gran Hotel da Toxa. A que é a 29ª edición celebrarase baixo o lema “Telecos: xestionando infraestruturas críticas”.

Pola súa banda, o Premio Enxeñeiro do Ano 2025 é para Alfonso Juan Álvarez Villamarín, CEO de Cellnex España, pola súa “brillante traxectoria profesional” desenvolvida tanto en España coma no estranxeiro. E o Premio Socio de Honra 2025 será entregado á Corporación Hijos de Rivera, en recoñecemento á innovación e aposta pola tecnoloxía en favor das iniciativas galegas en Internet.

Un traballo de máis dunha década

Detrás de The Mind Guardian hai un equipo do Centro de Investigación de Tecnoloxías da Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, liderado polos catedráticos Luis Anido e Manuel Fernández Iglesias, principais cabezas visibles dun traballo multidisciplinar que vén fraguándose desde hai máis de 10 anos. Está desenvolto por un equipo altamente especializado, que uniu esforzos nos ámbitos da tecnoloxía, a saúde e a investigación para avanzar na detección temperá da deterioración cognitiva.

The Mind Guardian preséntase como unha ferramenta autoadministrable, gratuíta e accesible. O seu gran valor radica na capacidade de detectar de maneira precoz os primeiros signos de deterioración cognitiva que poden ser orixe de enfermidades como o Alzheimer, o que pode contribuír a aumentar a calidade de vida ata en 10 anos e reducir os efectos das demencias ata nun 40%.

Máis información

Duvi

atlanTTic

Coetg-Aetg

XXIX Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información

The Mind Guardian

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.